Monday 29 de April de 2024

A Xunta e o COAG avanzan na súa colaboración para desenvolver a Guía de Cor e Materiais de Galicia


A directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, coordinou hoxe a xuntanza na que se seleccionou o equipo de traballo que desenvolverá a Guía de Cor e Materiais

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) avanzaron na súa colaboración para desenvolver a Guía de Cor e Materiais de Galicia.

Así, a directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, asistiu esta tarde á reunión celebrada na sede do COAG, na que se seleccionaron e constituiron encargado os seis equipos que desenvolverán a Guía de Cor e Materiais. A selección dos equipos levouse a cabo por un xurado conformado por membros do COAG e da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Cada un dos seis equipos traballará en dúas das doce grandes áreas que establece o Catálogo das paisaxes de Galicia. Unha vez quedaron constituídos os grupos, os equipos deberán entregar o borrador dos traballos antes do mes de outubro.

A finalidade da Guía de cor e materiais de Galicia é establecer unhas directrices técnicas, científicas e obxectivas para a regulación do emprego da cor e os materiais dos revestimentos arquitectónicos nas paisaxes urbanas, rururbanas e rurais. O obxectivo destas pautas é acadar unha axeitada integración paisaxística e contribuír así a unha mellora da calidade dos espazos públicos.

Para iso, definiranse os tipos de materiais máis recomendables para os diferentes elementos da construción, así como as gamas ou paletas de cores máis congruentes coa contorna na que se vaian empregar. Ademais, este proxecto procurará analoxías coa arquitectura popular galega de cada zona, a partir das cores e materiais empregados historicamente, aínda que poderá propoñer novas cores e materiais que harmonicen coa paisaxe.

Todas as propostas que se recollerán nesta Guía terán un carácter orientativo e servirán de axuda para que os plans urbanísticos e instrumentos de ordenación poidan concretalas de forma máis detallada para ámbitos territoriais menores.